Galicia/Galiza
Galicia

"I Ajedrez del Cocido"
Conferencia e simultaneas

Lalín - Pontevedra

Aula informática do Auditorio de Lalín

Sábado 13 febreiro 2010

Informa: Escola de Xadrez Lalín Web

En castellanoEn galego

Nota de Prensa:

Conferencia matinal e simultáneas vespertinas a cargo do MI D. Daniel Rivera Kuzawka

O sábado día 13 de febreiro tivo en Lalín, co patrocinio do Concello, na aula informática do Auditorio, a xornada "Ajedrez del Cocido" que incluía na súa programación unha conferencia a cargo do director técnico da prestixiosa Escola de Xadrez de Pontevedra (a famosa EXP), seleccionador galego, plusmarquista nacional de partidas simultáneas e mestre internacional: D. DANIEL RIVERA KUZAWKA, seguido dun cocido de confraternidade e posterior exhibición vespertina de ata un máximo de sesenta partidas simultáneas.

Para a Escola de Ajedrez Lalín foi unha verdadeira honra e un auténtico luxo contar coa presenza de Daniel, uruguaio de nacemento que leva xa varios anos asentado en Pontevedra, non en van volveu ao mesmo escenario onde cometeu o seu "crime" máis famoso que, sinxelamente o converteu nun... INMORTAL!!!!, logrando vencer a todo un gran mestre, o búlgaro Vladimir Dimitrov, no I Open Internacional de Lalín (1994)... en 16 xogadas e con pezas negras! que estará para sempre nos anais da historia do xadrez. O seu amor por fomentar a práctica deste deporte, xogo-ciencia, arte e mesmo terapéutico contra certas enfermidades, unido á súa modestia e humildade vindo desinteresadamente a compartir un día, non xa con amigos senón con vellos coñecidos do mundo do xadrez, simplemente para corresponder ao agarimo profesado noutro momento, engrandece aínda máis a súa figura.

O acto foi inaugurado co saúdo de benvida do concelleiro do deportes do Concello, D. Nicolás Varela García, quen tras unhas breves palabras animando a todos a seguir traballando para promover a práctica do xadrez na zona, especialmente nos colexios, fixo entrega de obsequios e recordos ao noso conferenciante. Entre os asistentes, é de agradecer a presenza do Presidente da Federación Galega de Xadrez, D. Gaspar Pérez Carnero, apoiando a iniciativa.

Foto
Nicolás facendo entrega de recordos e agasallos a Daniel(Foto: Manolo Vilariño)

A continuación tomou a palabra o presidente da Escola de Ajedrez Lalín para anunciar que dentro das actividades do vixésimo aniversario da Escola, se quería aproveitar este acto para entregar placas como homenaxe do club aos seus socios fundadores vivos nomeándoos Membros de Honra: D.Gerardo Presas Villar, D. Julio Benigno López Rodríguez, D. Hugo Facal Méndez, D. Damián Salvador Payo Cangado e ao seu primeiro presidente, D. Carlos Vence Lago, Presidente de Honra, antes de que algún máis abandonase este mundo como sucedeu hai case un par de anos co máis veterano que nos deixou á idade de oitenta e oito anos, D. Manuel Armas González (dep). Igualmente fíxose entrega de placa ao Círculo de Recreo de Lalín, en agradecemento á súa inestimable colaboración durante moitos anos.

Foto
Empezando pola esquerda e polos que están de pé: Gerardo, Damián, Hugo, Carlos e Julio. (Foto: Susy Fuentes )

Seguidamente o noso Presidente de Honra, proxectou unhas diapositivas que resumían a historia do club dende os seus comezos con fotos que chamaron moito a atención dos presentes.

Comezou Daniel a súa conferencia titulada "Lección maxistral de xadrez" falando do beneficioso da práctica do xadrez cos seus máis que demostradas virtudes sicopedagógicas e para combater o mal do Alzheimer. Contou como foi a súa aprendizaxe e experiencia, con especial recordo para o seu gran mestre Olivera, pasando a disertar sobre as principais claves para comprender este milenario xogo, cunha riqueza inesgotable e unha beleza inigualable e imperecedoira. Expoñendo exemplos prácticos, empezando cun estudo sinxelo sobre os aspectos xeométricos do taboleiro, tremendamente útil para os máis pequenos. Foi aumentando a dificultade dos exemplos, para ensinalos a razoar e ver as claves da posición. E rematou a súa conferencia prevista a noventa minutos, pero que se alongou un pouco máis de dúas horas, comentando anécdotas do antes, durante e despois da súa memorable partida contra Dimitrov, usando a variante portuguesa da defensa escandinava, ensinando de forma moi didáctica un aspecto fundamental do xadrez: o xogo activo das pezas.

E despois de zampar nos un bo cocido (o azar quixo que fose no mesmo hostal onde se aloxou e alimentou no ano 1994), deu unha exhibición de simultáneas ante case 40 entusiastas participantes. Unha nena de Chantada foi a única capaz de aproveitar un despiste do "inmortal" e gañalo, do mesmo modo cedeu outras dúas táboas. Todos os participantes recibiron recordos da súa participación desta grande experiencia.

Foto
Daniel en plena simultánea movendo diante do Presidente de Honra do club. (Foto: Manolo Vilariño)

Foto
Daniel e Gaspar con algúns dos participantes (Foto: Salvador)

Salvador Crespo Varela
Presidente da Escola de Xadrez Lalín


Organiza:

Escola de Xadrez Lalín

 

TablaDeFlandes